Wednesday 15 de May de 2024

Medio Rural aproveita a visita dos irmáns Torres para promocionar os produtos agroalimentarios galegos


A conselleira visitou unha explotación láctea en Melide xunto cos afamados cociñeiros recoñecidos con dúas estrelas Michelín
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou a explotación de leite A Fraga, de Melide, en compañía dos irmáns xemelgos Torres, afamados cociñeiros con dúas estrelas Michelin que están en Galicia con motivo da festa do Melindre. A través deste encontro o departamento autonómico pretende, unha vez máis, facer promoción dos produtos agroalimentarios galegos e, sobre todo, poñer en valor a súa excelente calidade, ideal para a alta gastronomía.

Durante a visita, os chefs interesáronse polo sector do leite na nosa comunidade e en concreto, polo funcionamento desta gandaría que conta con 57 animais e que está inscrita na Asociación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) Galicia Centro. De feito, esta granxa foi unha das galardoadas nos premios Exceleite debido á calidade e bos resultados do seu produto. Por este motivo, a conselleira felicitou aos seus titulares, que axudan a que o nome de Galicia sexa sinónimo de calidade.

Neste sentido, Ángeles Vázquez sinalou a importancia da marca Galega 100%, que identifica o leite e os derivados lácteos de calidade diferenciada. Este selo garante que a materia prima é galega e que os produtos están feitos e envasados na nosa comunidade.

Showcooking
A promoción dos produtos galegos tamén chegará a través da mostra de cociña que protagonizarán os irmáns Torres esta tarde na festa do Melindre. O menú que elaborarán estará composto por produtos galegos de calidade diferenciada facilitados pola Consellería do Medio Rural como queixo Arzúa-Ulloa, licor de herbas, mel de Galicia, lacón galego e leite galega 100%.

Con este e outros ingredientes está previsto que os chefs elaboren unha callada de foie con améndoas e licor de herbas e unha cocapizza de carbón activo con tomate, lacón e queixo. De sobremesa prepararán unha tarta de queixo, melindres e arándoos. Así mesmo, os cociñeiros serán os responsables de dar lectura ao pregón das festas, mañá, domingo, previa entrega de títulos de embaixadores do Melindre deste ano.